O Distintivo SG CITY 50-50 certifica a San Xoán de Río como referente en Ourense polo seu compromiso cos Dereitos Humanos. 

O Concello de San Xoán de Río celebra a obtención do prestixioso Distintivo SG CITY 50-50 a favor da igualdade de xénero, converténdose no primeiro Concello da provincia de Ourense en obter esta certificación internacional. Este importante fito acadouse no marco da Norma SG CITY 50-50 e grazas á súa integración no Proxecto DIGECP (Distintivo para a Igualdade de Xénero en Pobos e Cidades) , cofinanciado pola Unión Europea.

Este recoñecemento prodúcese durante os 16 Días de Activismo e ás portas da celebración do Día dos Dereitos Humanos (10 de decembro), subliñando que a igualdade é un dereito fundamental e un piar esencial para o benestar e o progreso do noso territorio. A política local estase a consolidar como un actor clave na promoción da igualdade, especialmente cando esta se converte nunha liña estratéxica do goberno municipal.

Río é ademais un dos catro concellos que reciben este recoñecemento, xunto con outros tres coruñeses: Fene, Betanzos e Malpica de Bergantiños, tal e como explica o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

O Obxectivo do Selo Internacional e a Norma SG CITY 50-50

A Norma SG CITY 50-50 é a primeira ferramenta que permite implantar, avaliar e certificar un sistema de xestión orientado á igualdade de xénero nos gobernos locais. O seu obxectivo principal é certificar o compromiso do municipio coa igualdade entre mulleres e homes, impulsando a incorporación da perspectiva de xénero en todas as súas políticas e actuacións.
O distintivo acredita que o Concello está a traballar para mellorar as competencias de xestión municipal e reforzar as capacidades técnicas e políticas en materia de igualdade , así como para corrixir prácticas discriminatorias e relacións de poder inxustas , facilitando a integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas do territorio.

Compromiso de Xestión e Mellora Continua

Con esta certificación, San Xoán de Río pasa a formar parte da rede de municipios comprometidos coa igualdade, recoñecidos co Distintivo SG CITY 50-50. O Concello asume agora o compromiso de establecer un proceso de mellora continua mediante estratexias específicas e indicadores que garanten a eficacia das políticas públicas.

Para iso, deberá implementar as accións previstas no Plan de Compromiso elaborado para avanzar na transversalización da perspectiva de xénero tanto a nivel interno como nas súas políticas públicas. Deste xeito, San Xoán de Río consolídase como un municipio líder na provincia de Ourense na promoción dos Dereitos Humanos e a equidade como bases para o desenvolvemento do territorio.

O Concello de San Xoán de Río demostra con este selo que entende que a igualdade non é un asunto que compete só ás mulleres, senón que é unha responsabilidade de toda a sociedade e un motor para o progreso local.